martes, 28 de julio de 2009

Alborada



I
Vaite, noite,
vai fuxindo.
Vente, aurora,
vente abrindo.
Co teu rostro
que sorrindo,
¡¡¡á sombra espanta!!!

¡Canta!
Paxariño, canta
de ponliña en ponla,
que o sol se levanta
polo monte verde,
polo verde monte,
alegrando as herbas,
¡alegrando as fontes...!

¡Canta, paxariño alegre,
canta!

¡Canta porque o millo medre,
canta!

¡Canta porque a luz te escoite,
canta!

Canta que fuxéu a noite.
Noite escura
logo ven
e moito dura
co seu manto
de tristura,
con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.

¡Sal...!

Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.

Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.


¡Sal!...
Señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
iste a terra de alegría;
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.

II

Branca aurora
ven chegando
i ás portiñas
vai chamando
dos que dormen
esperando
¡o teu folgor!...
Cor...

de alba hermosa
lles estende
nos vidriños
cariñosa,
donde o sol
tamén suspende,
cando aló
no mar se tende,
de fogax
larada viva,
dempóis leve,
fuxitiva,
triste, vago
resprandor.

Cantor
dos aires,
paxariño alegre,
canta,
canta porque o millo medre;
cantor
da aurora,
alegre namorado,
ás meniñas dille
que xa sal o sol dourado.

Que o gaiteiro,
ben lavado,
ben vestido,
ben peitado,
da gaitiña
acompañado
¡á porta está!...
¡Xa!...

Se espricando
que te esprica,
repinica,
repinica
na alborada
ben amada
das meniñas
cantadeiras,
bailadoras,
rebuldeiras;
das velliñas
alegriñas;
das que saben
ben ruar.

¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atruxaremos,
cantaremos o ala... lá!!!

"A máis grande dificultade que achéi pra escribir esta alborada, foi o meu deseio de que saíse nun todo arregrada á música. Conseguín esto, pro foi a custa da poesía; non podía ser de outro modo, cando se dá cum aire tan estraño e tan difícile da acomodarlle letra algunha." (Nota de Rosalía de Castro)

Rosalía de Castro.

No hay comentarios.:

Publicar un comentario